mércores, 30 de novembro de 2016

Eleccións ao Consello Escolar

Onte celebráronse as votacións para a elección dos representantes do alumnado no Consello Escolar. Foron varios os candidatos que se presentaron de 6ºB porque, certamente, destaca a súa implicación e compromiso na mellora do contorno no que viven. Pero o voto estivo moi dividido, e finalmente foron dúas alumnas de quinto as que tiveron a maioría do alumnado. Como suplente quedou a nosa compañeira Kathia. Parabéns a todos os que se presentaron, a Kathia e a todos os que participáchedes tan ben en todo o proceso.
 Voto secreto!!!

 Mesa electoral. 

Na Deputación

Hoxe visitamos a Deputación de Pontevedra nun acto oficial na que estaban tamén outras cooperativas de alumnos da nosa provincia. Os presidentes das diferentes cooperativas expuxeron, no salón de plenos e ante a presidenta da Deputación o traballo que estaban a facer. Logo a presidenta fíxolle entrega do CIF a cada unha das cooperativas.
Román e Pablo, os nosos presidentes, fixérono moi ben. Parabéns aos dous e a todo o alumnado de 6º polo seu excelente comportamento durante todo o acto.

Chegando á Deputación 


A entrada, a escaleira, os teitos ... deixáronnos abraiados:

 Tanto, que os presidentes das cooperativas tomaron asento e ... empezaron a aflorar os nervios.
 Visitamos a sala de xuntas e o despacho  da presidenta da Deputación, dona Carmela Silva.
 E chegou  a quenda das exposicións. Román fíxoo xenial. Foi un excelente representante da cooperativa, malia que empezou con moitos nervios.





Tamén, Pablo, o presidente de C.A.T. (Cooperar, Axudar, Traballar) de 6º A o fixo xenial.
 Á saída fixemos unha foto de grupo cos alumnos/as de outras cooperativas da provincia.



 E vimos como ían quedar xa os postos nos que logo poñeremos á venda os nosos produtos.
.
 Para rematar colaboramos cos alumnos do instituto na gravación dun mannequin challenge.
Moitas emocións!!!!

Así o contaron na Deputación de Pontevedra:
Aquí tendes o vídeo que publicaron na Deputación:



Novas da Deputación

luns, 28 de novembro de 2016

Eufemismos e palabras tabú.

Hoxe falamos de eufemismos e palabras tabú. En concreto dunha das que máis dano fai e nos leva ao maltrato psicolóxico de moitas mulleres "PUTA". Si, cada vez que usamos esta palabra ou nos rimos da gracia, cando un compañeiro a usa, damos pasiños camiño de sermos tamén maltratadores. Tamén falamos doutro tipo de maltrato; o daqueles que pretenden levar un "control" das relacións, conversas, miradas, posturas, risas ... e relacións da persoa á que decimos querer. Ese tipo de control tamén é maltrato.
"E a ela parecíalle normal" ser así tratada e controlada.
Recordamos aquela historia que vimos no curso pasado e que vos deixo para recordar.

domingo, 27 de novembro de 2016

Estudo de mercado

Para preparar un bo estudo de mercado, temos que facer unha valoración previa, moi minuciosa das características e posibilidades do produto que imos propoñer para  a fabricación e a venda. Empezamos cunhas sinxelas fichas de recollida de información. Xa temos as primeiras.




Circuitos eléctricos

Por fin temos o primeiro circuito en funcionamento. Moi bo traballo, Cazafantasmas.

venres, 25 de novembro de 2016

Logo e Estatutos

Hoxe, finalmente, tivo lugar o desempate encol do logo da nosa cooperativa. Parabéns para a súa autora Lara














Parabén tamén  para os finalistas: Román e Érika.




Tamén continuamos coa redacción dos estatutos. Despois de varias propostas e da defensa das mesmas acordouse que o capital que cada socio aportaría á cooperativa sería de 5€. Tamén se acordou que os socios podían fraccionar o pago dos mesmos segundo as súas necesidade económicas.Decidiuse, así mesmo que todos os socios recuperará o capital investido unha vez finalizada a venda dos produtos.

Por último decidiuse que as votacións se realizarán a man alzada se a unanimidade dos membros asistentes así o quere, pero que serán con voto secreto en caso contrario.

Na vindeira semana teremos que decidir que porcentaxe dos beneficios serán doado a unha ONG do Concello e que parte se empregará en financiar unha cea unha excursión.

Día Internacional contra a Violencia de xénero

Visita de Castelao

Hoxe tivemos o grandísimo privilexio de contar na aula coa visita de "Alfonso Daniel Rodríguez Castelao", interpretado polo actor Ademar Silvoso, exalumno do noso centro. Privilexio, porque conseguiu trasladarnos a todos aos anos de Castelao e sentir, vivir e experimentar moitos dos seus avatares da man das súas palabras cargadas de sentimento. Fíxonos moitas preguntas tamén e despertou en todos as ganas de saber máis, de investigar, de coñecer ... que é o primeiro paso para lograr unha aprendizaxe verdadeira.
Moitísimas grazas, Ademar, "Castelao", por acompañarnos.





xoves, 24 de novembro de 2016

Co Xuven

Hoxe estiveron no cole 10 xogadores da plantilla do Xuven e dous membros do equipo técnico. Todo un luxazo do que disfrutaron moito os alumnos. Quedamos convidados a acompañalos e animalos. Contade con nós.

mércores, 23 de novembro de 2016

Presidente da cooperativa


O pasado luns tiveron lugar as eleccións de desempate entre os dous candidatos que obtiveron maior número de votos.
Defensa de candidaturas á presidencia:



A tenor do  resultado das eleccións proclamamos como presidente da cooperativa MSC (Magariños Sociedade Cooperativa) a Francisco Román Santiago Varela, que como corresponde felicitou aos demais candidatos polas súas excelentes intervencións.
O presidente da cooperativa será o noso representante ante as institucións oficiais que temos previsto visitar a vindeira semana. Confiamos no seu bo facer.

martes, 22 de novembro de 2016

Declaración Universal dos Dereitos do Neno; Estatutos

Hoxe lemos a Declaración Universal dos Dereitos do Neno. Celebrouse a data desa Declaración o pasado día 20 de novembro; pero a nós valeunos hoxe para introducir un tema fundamental: as normas e as leis que nos rixen e que acordamos de forma conxunta. Por iso, como cooperativa, temos tamén que redactar as nosas leis de funcionamento, o noso Estatuto. Iniciamos hoxe a redacción e xa imos polo artigo catro. Chegamos á parte crucial na que os socios han de decidir o capital que cada un ha de aportar. Mañá veremos o resultado.

Ovos

Estes días realizamos un experimento moi curioso: Puxemos un ovo nun bote de cristal cheo de vinagre, a semana pasada. Nas primeiras horas escoitamos burbulliñas e vimos que algo lle pasaba ao ovo. Hoxe sacamos o ovo. Tocámolo: Estaba blandísimo. Parecía de goma, como unha pelotiña branda. Non se lle vía casca. Tirámolo ao chan; non saltou como as pelotas, senón que rompeu. A clara estaba abrancuxada e a xema estaba perfecta. Cando tocamos ovo, comprobamos que era brando, si; pero quedounos un bo cheiro a vinagre. Lavade ben as mans!
Seguiremos investigando: Por que pasou esa reacción? Que aconteceu?. Pasa o mesmo se poñemos  o ovo en outros líquidos? Queda moito por saber; moito por investigar...

xoves, 17 de novembro de 2016

Mapa Mental Electricidade

Tamén iniciamos a primeira rolda de exposicións orais encol da electricidade e sempre coa axuda dos mapas mentais, algúns cunha calidade exquisita.

Xa temos os primeiros circuitos

Hoxe o grupo Flecha de ouro sorprendeunos cun precioso circuito preparado par compoñer o portal de Belén. Mañá terán que explicarnos como o construiron.

domingo, 13 de novembro de 2016

Magosto

A celebración do magosto neste curso foi das mellores dos últimos anos. Xa no patio novo, cuns rapaces fantásticos e un equipo docente tan implicado non podía ser doutro xeito. Así é que so queda rememorar o arrecendo a lume, castañas asadas, festa, baile, xogos, risas, merenda compartida e moi, moi bos momentos. Excelente o comportamento e o ambiente no patio con todo o alumnado xunto, con todo o profesorado tan ben organizado. Parabéns a todos. E para rematar, o momento da recollida merece unha felicitación extra pois todo quedou moi limpiño e correcto. Grazas.
Un momento do baile


 Despois da merendola volvemos bailar




 Perto de 250 nenos, nenas e mestres compartindo xuntos un moi bo momento nun ambiente inmellorabl

 Un momento do asado co xefe de cociña

 Preparando o reparto

  Sin esquecer a auga

 Nós, 6ºB, ao ladiño dos nosos afillados.


  Podíase repetir!!!!

  Houbo moitos xogos.

   Canta paz!!!!

  A castañ come bolas tivo moito éxito!




xoves, 10 de novembro de 2016

Coopertativa: elección dos cargos directivos

Hoxe tivo lugar a presentación de candifaturas e a elección de dous dos cargos directivos. Confirmouse o nomeamento de Dani como tesoureiro con Sabela P. e Miguel como axudantes. Os tres fixeron gala do seu bo facer coas matemáticas.

Para o cargo de secretario foi seleccionada Kathia, que contará coa colaboración de Lara. O certo é que as catro candidatas ao posto contan no seu currículo con moitas cualidades para o cargo: boa letra, presentación limpa, beleza e dilixencia. Sabela S e Iria, delegada e subdelegada de clase respectivamente dan boa conta deste bo facer cada día na aula. Agora tamén o terán que amosar Kathia e Lara na Cooperativa.
Defensa das candidaturas para secretario/a

Noraboa aos seleccionados.

Mañá será a quenda de escoller ao presidente ou presidenta. Si nos da a mañá para todo, porque mañá tamén celebramos o magosto e temos a proba de sociais. Non nos chega o tempo a nada!!!!

mércores, 9 de novembro de 2016

Antonio Magariños no Cincuenta aniversario do colexio

Este ano celebramos o cincuenta aniversario da creación do colexio Antonio Magariños.
No día de onte, tivemos a grande honra de recibir no centro a visita de D. Antonio Magariños, neto do insigne mestre que deu nome ao noso centro.
Nesta primeira visita estivo so co equipo de profesores e contounos de primeira man como foi a creación da primeira escola en Cambados "A escola do convento", alá polo 1837 aproximadamente, despois da desamortización de Mendizábal.
Falounos da arribada a Cambados no 1899, de D. Antonio Magariños, con tan so 18 anos e un soño: transformar a escola unitaria en escola graduada. Chegou a atender a 90 alumnos (70 asistentes habituais) el soíño !!!
Cantos pasos!, canto camiño se foi andando dende aquela!
É o noso desexo que este, o seu colexio, sexa un centro do que puidese sentirse orgulloso.
Seguiremos adentrándonos na súa historia, na nosa historia.
Grazas, D. Antonio.

Xa temos nome e logotipo para a nosa cooperativa

O pasado luns celebramos unha moi intensa sesión na cooperativa na que se escolleu nome de empresa e logo corporativo.

Mais resulta que ese nome  xa pertence a unha empresa de Vigo, polo que tivo lugar outro proceso de selección e foi escollido:

MSC siglas de Magariños, Sociedade Cooperativa.
O logo seleccionado foi o de Pedro e proto poderemos presentarvolo.

Tamén, no día de hoxe foi escollido o tesoureiro da empresa. Cargo que lle corresponderá a Dani.
Algúns dos logotipos que se presentaron son estes:





venres, 4 de novembro de 2016

Concurso de produtos artesáns

Hoxe os distintos equipos estiveron debatindo as bases para un concurso de produtos artesáns. Foron ben variadas as propostas, pero non deu tempo a valorar as aportacións de cada unha. Pero memtres tanto aí vos quedan algúns para ir comentando.