venres, 24 de febreiro de 2017

Festa cos afillados. Entroido

Hoxe chegou o tan esperado festival de Entroido.
Xa quentamos motores pola mañá na festa cos nosos afillados, cos que compartimos as ricas orellas e filloas que eles nos ofreceros e que nos tamén lles levamos (Grazas a todas as mamás e papás, avoas e avós que cociñaron cos pequenos).
Despois de poñer os disfraces e pintaren o pelo (que foi o que máis lles gustou) baixamos ao festival. Iamos ver as actuacións cómodamente sentados, pero cun chisco de frío.



O baile de inicio estivo a cargo de Raúl, Pedro, Kathia, Lara e María que o fixeron xenial. Foi un gustazo velos con tanto dominio escénico. Metéronse ao público no bolsillo.


Actuaron de seguido os gatiños de 1º,


os roqueiros de 2º,




   os rapeiros de 3º,















os de Alaska de 4º,




 .... e despois dos Village Peaple de 5º





...  actuamos "Color Run", de 6º.  Sen música e con Érika, Naomi e Alexandra na cabeza. Non facía falta nada máis, porque a sonoridade e o ritmo estaban tan logrados que se lles entendía a copla perfectamente. Puxeron un precioso broche a un festival magnífico. Noraboa rapaces!!!

El alfarero

Hoxe vimos un pequeno vídeo, moi cortiño que falaba sobre un aprendiz de alfareiro. Quería conseguir pezas perfectas, como as do seu maestro. A el mesmo lle parecía que o mestre as conseguía como por arte de maxia. Non era así. Con moita paciencia e sen rendirse nunca, con practica, moita práctica foise superando día a día ata que conseguíu, como o maestro, a peza perfecta.
Así vós, meus queridos alfareiros, non vos rindades nunca, pois, con práctica, con moita práctica, conseguiredes tamén obras perfectas. Logo podedes velas todas. Todas teñen valor, das primeiras ás últimas, porque vos amosan todo un camiño de superación.
Así pois, nestas vacación disfrutade moito, pero non deixedes de practicar.

xoves, 23 de febreiro de 2017

Horta: Por fin plantamos os amorodos

Despois de tanta espera, por fin puidemos saír á horta a plantar os amorodos. Non lle puxemos plástico sobre a terra para que a produción sexa máis ecolóxica, pero teremos que estar moi pendentes de arrincarlle as herbas para que as nosas plantiñas poidan medrar ben fortes.Cada un ten que responsabilizarse da súa.



luns, 20 de febreiro de 2017

MSC ... fabricando

Na sesión de hoxe, co lío de preparar os disfraces para o entroido e  o libro de recibimento para Ledicia Costas adicamos menos tempo á fabricación e so producimos dous tarros de cristal decorados, 5 bruxiñas, 6 pelotas antiestrés e un estoxo de la. Tamén hai varias plantillas listas para os peluches de felpa dos animaliños e dos bonecos suxeitaportas, así como do peto Pokeball, que se rematarán no vindeiro luns. En calquera caso ... imos progresando.

Por fin na horta

Hoxe fomos á horta e vimos como medraron as plantas e especialmente as raíces, como se reproducen as silvas e o complicado que resulta librarse delas. Descubrimos como hai que preparar a terra para plantar.
O xoves, estaremos listos para levar a cabo a plantación, de amorodos ... probablemente.  Será despois do exame de naturais. Pero antes, hai que estudar moito e demostrar todo o que xa sabemos.



Ledicia Costas no cole


Ledicia Costas, autora dos libros "Escarlatina, a cociñeira defunta" e "Esmeraldina". Os rapaces fixéronlle tantas preguntas sobre os libros e os seus personaxes que se quedou gratamente impresionada. O certo é que contou tantas anécdotas e tan divertidas todos disfrutaron moito co seu relato; tanto como dos seus libros. Foi todo un pracer e un grato descubrimento.


venres, 17 de febreiro de 2017

MSC ... planificando


Na sesión de hoxe da cooperativa acordouse quen ía facerse cargo de mercar os produtos necesarios para continuar o vindeiro luns co proceso de fabricación.

En positivo

Hoxe volvemos ter unha sesión moi "emocionante" na que aprendemos a valorarnos a nós mesmos a a expresar en positivo o que nos aportar os nosos compañeiros. Todos recollemos e construímos palabras que nos fan moito ben. Tamén aprendemos a expresarnos máis baixiñó, de xeito que puidesemos escoitar sempre a música que suavemente se escoitaba de fondo. Por último creamos conexións entre palabras que tiñan especial sentido para nós establecendo criterios persoais para conectalas. Creamos ... porque somos creativos.








martes, 14 de febreiro de 2017

Definiendo el amor

No día se San Valentín esperábannos varias sorpresas.
A primeira, unha riquísima tarta que trouxo Román e preparou onte pola tarde. Estaba tan rica que todos lle pedimos a receita|
Logo chegaron as cartas de amor e amizade que foron deixando os alumnos no buzón da Biblioteca e se repartiron hoxe. A profes Paula veu tamén repartir os libros para os membros do clube de lectura.
 Por último, e xa na clase de castelán, lemos e analizamos o soneto "Definiendo el amor" de Francisco de Quevedo, que estaba cheo de paradoxos ("paradojas") realmente sorprendentes; poema co que moitos se sentiron identificados.
Pasade un moi bo día raparigos.

luns, 13 de febreiro de 2017

Ensaios

Ademais de preparar os disfraces tamén temos que practicar as coplas. Así que hoxe ensaiamos os dous sextos xuntos coas letras. Hai que estudalas ben porque pronto faremos xa os ensaios sen a letra para preparar tamén as coreografías.

Fabricando produtos

A sesión de fabricación de hoxe foi moi cortiña porque tamén estamos a prepararnos para o Entroido. Aínda así hoxe rematamos, 2 pulseira, dous tarros decorrados, tres bruxiñas, 4 bolas antiestrés e unha Pokeball. Non estivo nada mal!





Preparamos o disfrace

Hoxe vimos na clase como preparar o disfrace de Entroido. Cada un leva un texto con instrucións para realizalo na súa casa. No caso de que, por calquera motivo, non poidades facelo, podedes vir polo colexio hoxe ás seis da tarde para facelo aquí na aula.

venres, 10 de febreiro de 2017

Cartas de amor e amizade.

Xa saíron para Correos as cartas de amor e amizade que escribíchedes estes días. O martes, de seguro que xa as tendes na casa. Pero haberá tamén algunhas bonitas sorpresas agardando na bibioteca. Que emoción!!!!

Asamblea: Buscando solucións

Hoxe tiñamos previsto continuar co debate da semana pasada, pero máis que realizar un debate, abordamos o tema proposto en asamblea. Tratábase de ver outros xeitos de responder a situacións nas que nos sentimos feridos, aillados, marxinados ou acosados sen responder con violencia. A resposta máis obvia, a de avisarlle á titora, á orientadora no colexio, aos pais ... estamos comprobando que non se leva a cabo na práctica. Así que na clase seguiremos tendo, como primeiro achegamento á necesidade de compartir sen facerse ver, esas situacións de dor; vai ser de novo a "Caixa das caricias". Animádevos a expresar o que sentides, como vos sentides, aínda que non quede escrito o voso nome, porque así todos saberemos que alguén o está pasando mal e a veces non nos decatamos. Deste xeito, poderemos estar máis atentos e axudar, acompañar, escoitar.

mércores, 8 de febreiro de 2017

Charla da Garda Civil sobre os perigos das TICs

Hoxe, un membro do corpo da Garda Civil  estivo no colexio para falarnos sobre os perigos das TICs e aínda que xa coñeciamos moitas das cousas que debemos e non debemos facer, coñecemos moitos máis aspectos que se nos estaban a pasar por alto relacionados coa seguridade.

Moitos dos datos que nos deron deben aplicalos as nais e pais. Xustamente para as nais e pais está prevista a charla de mañá. Será no colexio ás seis da tarde. A asistencia á mesma será fundamental para evitar problemas nun futuro moi cercano co uso que os mozos e mozas fan a veces das tecnoloxías e que acaban nos tribunais de xustiza.

martes, 7 de febreiro de 2017

Entroido: preparando coplas

Hoxe os equipos da aula estiveron preparando propostas de música e letra para o Entroido. Todas foron moi interesantes, creativas e divertidas tamén. Pronto poderemos presentarllas aos nosos compañeiros de 6ºA aos nosos compañeiros de 6º A. Que emoción!

Máis estruturas

Raúl trouxo a clase e presentounos a estrutura que fixo o seu irmán no instituto. Combina estrutura triangular e de tubos nos piares, vigas e na carga colocou un motor que funciona! Así é que nos valeu para repasar estruturas e circuitos. Vimos tamén que tiña máquinas simples (rodas) e operadores mecánicos (engrenaxes). Grazas Emilio, grazas Raúl.


A última das estruturas que nos presentaron quería ser un castelo con ponte levadiza accionada por unha manivela.

venres, 3 de febreiro de 2017

Debate

Hoxe, por fin, tivemos un pouquiño de tempo para realizar o debate pendente encol da violencia. Logo de vermos un vídeo sobre unha situación de acoso e a resposta do alumno acosado iniciouse un debate sobre se o uso da violencia ía poñer fin a unha situación violenta ... Os argumentos foron moi interesantes, pero sobre todo destacou o respecto das quendas, o tomar nota, e o responder de xeito acorde aos argumentos xa plantexados, engadindo matices ou oportunos comentarios. Estamos preparándonos para visitar o Parlamento. Xa estamos máis preto!

Asamblea M.S.C.




Hoxe tivemos unha nova asamblea da cooperativa. Ademáis de ver os últimos currículos que presentaron os socios e determinar os departamentos nos que cada un ía traballar, houbo que decidir que novos produtos iamos implementar, quen ía encargarse de mercar os materiais e cal sería o traballo asignado na vindeira sesión de fabricación para cada un dos socios.


Foi de moita axuda  entender que o valor de mercado dun produto estaba relacionado non so co valor dos materiais e o tempo de traballo invertido na fabricación, senón que  a oferta e a demanda do mesmo ían ter moita influenza.
Volvemos falar das accións e do valor que pode ter unha empresa, mesmo dos factores que poden determinar o valor das accións, sobre todo se está en xogo o control da empresa.... Ufff. Nalgún momento mesmo pareceu que estabamos nunha sesión da bolsa de Wall Street.



Un mundo de emocións


Hoxe, no pavillón tivemos unha sesión de educación física diferente, pois ademáis do movemento e a coordinación buscamos traballar a expresión corporal dos sentimentos (alegría, tristeza, medo, rabia, amor...):




alegría

amor

medopena, tristeza

de novo alegría





Tamén utilizamos o sentido do tacto no recoñecento dos nosos compañeiros.  Todo un mundo de sensación.


Movémonos ao ritmo das palabras e buscamos que todo o movemento do grupo estivese coordinado ao tempo que expresamos verbalmente aquilo que a cada un de nós nos apaixoa.


Logo, na aula, continuamos tratando de definir e expresar sentimentos, para que un dos compañeiros do grupo adiviñase a palabra da que era portador. E non foi doado, pero todos o conseguiron: hoxe houbo que atinar para diferenciar os celos do sentimento de tristeza ou engano; descubrimos a amabilidade, a paciencia, a valentía e tamén "ñoño", esta última coa axuda do diccionario. Moitas reflexións sobre definicións, sinónimos, antónimos, familias de palabras ... e moito sentimento e emoicións polo medio.