sábado, 25 de marzo de 2017

Chispas e Virutas de Saúl Otero

O xoves estivemos co pintor Saúl Otero, profesor no Magariños non fai moito e co que aínda estivemos traballando algúns ratiños neste ano.
Visitamos, no Pazo Torrado as distintas salas que recollen unha mostra do seu traballo ao longo da súa etapa como pintor e escultor. Dende os primeiros cadros de "Neuromanías" á época actual na que recolleu anacos de fouciños, redes, cravos e madeiras con moita historia para compoñer preciosas pezas que tamén contan historias. Pasamos pola época das viaxes a Polonia e Alemania con cadros a carbonciño en branco e negro á época do cine cos retratos de escritores e personaxes de renome do mundo galego, entre os que destacamos a Carlos Casares a quen este ano se lle adican as Letras Galegas. A todos eles lles faltaba un anaquiño de cabeza, punto que nos fala da creatividade e personalidade do noso querido Saúl. Rematamos vendo unha última sala con acrílicos e escoitamos a explicación de Saúl e Jose Bahamonde (que tamén nos acompañou na visita) na que nos explicou a diferenza no traballo con óleos, acrílicos, pastel brando, tinta china ou carbonciño. Todo un luxo a visita, a exposición, o entorno e o encontro co autor e a súa obra.
Para rematar, fixémoslle entrega a Saúl dun pequeno agasallo de agradecemento no nome do colexio pola súa implicación e paciencia con tantos grupos de alumnos aos que acompañou e dirixiu.
Moitas grazas, Saúl








 E así reflexan os alumnos algunha das túas obras, Saúl

luns, 20 de marzo de 2017

Publicidade

Hoxe tamén estivo con nós a nosa querida Ángeles, do SPAD de Vilagarcía. Desta volta falounos da publicidade e das técnicas que empregan os publicistas para vender os seus produtos; non todas moi éticas. Aprendemos moito e, de seguro, non nos deixaremos enganar facilmente, porque ... como xa se notou na clase, aprendemos a analizar a publicidade con moito xuizo crítico.

Visita da profe Mucha

Hoxe volveu estar con nós a profe Mucha e puido ler os poemas que, a nivel individual e en grupo escribimos na clase inspirados nos seus versos. Levou unha copia dos mesmos envoltos en moito cariño e o noso máis sincero agradecemento por ternos axudado a compoñer. Grazas profe música.

luns, 13 de marzo de 2017

Plantamos na horta ...!

O venres pasado puidemos, por fin, continuar coa nosa plantación na horta.
Puxemos verdura de Corón do tipo "Corazón de boi" e sementamos chícharos. O máis difícil foi manexar o legón e atopar onde colocar ben as mans para manexalo. Regar os pés foi máis doado, aínda que acarrexar a auga requeriu colaboración de dous.
Tamén cavamos as fresas que plantaramos fai dúas semanas.
As pingas de auga deste fin de semana viñéronlle xenial ás nosas plantiñas. Agora esperamos que o sol faga o seu traballo.
Pronto continuaremos con outras hortalizas.














mércores, 8 de marzo de 2017

Día da muller traballadora

Hoxe non puidemos participar no acto organizado no Concello,pero si escribimos palabras bonitas para mulleres fermosas: traballadora, emprendedora, lista, boa, loitadora ... son algunhas delas. Seguiremos escribindo máis.

Tamén tivemos a representación que un grupo de compañeiros preparou para a clase. Fixérono moi ben e fixéronos pensar moito.

Charla da Garda Civil: Violencia de xénero

Hoxe viñeron visitarnos dous gardas civís para falarnos da "Violencia de Xénero". Dixéronnos que hai moitas mulleres que sofren violencia por culpa dos seus maridos. Pepi, a garda civil, explicounos que si alguén padece ese tipo de maltrato que chamase ao 016 porque senón ía seguir o maltrato. Tamén dixo que se era a muller a que lle pegaba ao home, chamábase "Violencia doméstica" e non tiña tanta pena como no caso da "Violencia de Xénero" (cando é o home o que maltrata á muller).





A miña opinión é que non debería haber violencia de xénero nin violencia doméstica porque os nenos sofren moito e de maiores tamén poden ser maltratadores.
Autor: José Ramón

martes, 7 de marzo de 2017

Folletos publicitarios da cooperativa

A semana pasada acordamos crear folletos publicitarios para dar a coñecer a nosa cooperativa, tanto no centro como no pobo uns días antes do mesrcaso. Polo momento so temos seis propostas; son seis borradores con diferentes ideas, todos eles moi interesantes.













Departamentos de traballo na MSC

Onte, luns, os membros da cooperativa estiveron traballando organizados nos departamentos aos que se anotaran.
Así Dani, Miguel e Sabela P andiveron a voltas coa contabilidade, ordenando os recibos da compra e clasificándoos pola data, pasando os gastos ao libro de contabilidade e informando ao remate da sesión dos cartos gastados e do que temos en caixa.

 Por outra banda as secretarias estiveron pasando a ordenador as actas das últimas reunións para logo lerllas aos compañeiros e, se todo está correcto, logo de que sexan aprobadas pasalas para seren asinadas e arquivalas no libro de actas.


 O presidente, Román, escribiu o artigo relativo á sesión de traballo no diario da cooperativa e publicouno no espazo web que temos para tal fin.















O equipo I+D, Iria, Aitana e Mateo, en tanto cosían ían comentando ideas para a parte do empaquetado dos produtos que xa temos elaborados. Menos mal que contaron coa axuda de Brais, que fixo de secretario e tomou nota das ideas deste grupo, que comentaremos na vindeira sesión.







Así é que os membros que se adicaron exclusivamente á fabricación foron menos e reagrupáronse para elaborar as bruxiñas, pelotas antiestres, monecos suxeitaportas, a pokeball e dous tarros decorados. Non estivo nada mal!