venres, 3 de marzo de 2017

Moitas emocións no día de hoxe.

Hoxe foi un día cargado de emocións.
Antes do recreo fixemos as valoración do traballo nos grupos cooperativos dende o principio de curso e logo volvemos seguir coa rolda de adiviñar as emocións que tiña un dos compañeiros na "cabeza".



 Despois do recreo tivemos que retomar o tema pois foi preciso solucionar un conflicto que tivera lugar no patio e, aplicando o que tantas veces falamos, estivemos escoitando a voz de todos os implicados, comentando, e valorando se as respostas de cada un ante os feitos acaecidos foran as correctas.

Practicamos un xogo que se chama "Teoría do rumor" e que nos levou a ver como se distorsiona unha noticia que se conta de orella a orella en cuestións de segundos. Temos aínda moito sobre o que pensar.

Tamén aproveitamos para repasar o tema da función de relación: "Percibimos cos sentidos os estímulos que nos rodean (vemos, escoitamos, tocamos ...), a información recollida polos nervios sensitivos percorre a médula camiño do cerebro; alí procésase a información e o cerebro dalle a orde aos órganos efectores (músculos e osos) de que se poñan en movemento para responder aos estímulos dun, ou doutro xeito: obedecendo unha proposta de alguén, facendo un comentario que fai dano, facendo correr un rumor, acompañando, avisando a un mestre ..."

Así é que, toca valorar o que cada un de nós decide facer coa información que recibimos. Non vale xa o de  ... "E que me dixeron..." , porque coa información que recibimos, as decisións sobre que facer ao respecto tomámolas nós e nós seremos os responsables das decisións tomadas.

Está ben facer un alto no camiño para reflexionar e valorar se a miña actuación foi correcta, ou puido ser mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario