mércores, 27 de febreiro de 2019

Mila e os atrapasoños

Mila, a nai do noso compañeiro Martiño, ensinounos na clase de hoxe a facer uns preciosos atrapasoños para a cooperativa. Ademais donoulle á cooperativa o material necesario para realizalos. Quedaron tan bonitos que todos querían levalos xa para as súas casas! Mil grazas Mila e mil soños preciosos para ti.









martes, 26 de febreiro de 2019

Recollida do CIF da cooperativa na Deputación

Hoxe, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, Fixonos entrega do CIF da nosa cooperativa despois de escoitar a exposición que presentou Salomé sobre o traballo que estabamos a realizar. Salomé fixo unha presentación incrible, amena, directa, mirando ao público, con seguridade e dominio. Todo un orgullo. Tamén é de loubar o estupendo comportamento de todo o alumnado tanto na viaxe como durante o acto ou no momento de descanso nun dos parques de Pontevedra. Foi unha maña para gardar no recordo! Noraboa, Salomé, noraboa, rapaces.













venres, 22 de febreiro de 2019

Igualdade

Ao longo deste mes de febreiro o Concello de Cambados acolle unha exposición moi chamativa para reivindicar o dereito á igualdade da muller. Hoxe vimos os paneis, comentámolos e fomos valorando o que cada un deles pretendía transmitirnos dun xeito ben curioso e sorprendente, pois as protagonistas de todos eles eran as monecas Barbie e a mensaxe de ruptura con ideas que aínda siguen moi arraigadas e que relegan á muler á casa e a unha situación para nada igualitaria co home. Queda moito por andar!!!
En tanto voltamos á clase porque tocaba felicitar a todo o alumnado por un excelente comportamento. Parabéns, rapaces e rapazas de 6º!

Conmemoración do Día de Rosalía de Castro

Hoxe desprazámonos á Avda Rosalía de Castro, debaixo do arco da praza de Fefiñáns para escoitar varias pezas musicais e as intervencións dos nenos e adultos que nos amosaron as súas creacións en relación a Rosalía de Castro.

Tamén escoitamos a Xan Galbán, o chef do restaurante María Castaña de Santiago que nos situou no tempo de Rosalía e nos leu o poema "Caldo de gloria", para, deseguido, agasallarnos cun delicioso caldo que todos puidemos degustar.

Moitas grazas polo convite, as actuacións e o caldiño nun día tan especial.
Recordaremos un pouquiño máis o aprendido estes días na clase de Historia do século XIX; o tempo do Rexurdimento, o ano da morte de Rosalía que é tamén  o ano da morte de Afonso XII,  a chegada do tren de vapor a Vilagarcía, a situación das nosas xentes, especialmente das máis pobres ...



xoves, 21 de febreiro de 2019

Exposicións orais

Despois dunha longa parada, reiniciamos as exposicións oraiss dos equipos que aínda tiñan pendente amosarnos o seu traballo. Hoxe correspondeulles ao equipo Corvos falarnos das algas e os protozoos e deixaron unha boa pegada co apartado de curiosidades, ademáis de traernos a clase varios tipos de algas. Grazas.

Despois dos Corvos seguiron os demais grupos.



Así quedaron os murais:





luns, 18 de febreiro de 2019

Preparando o disfrace e as coplas


Despois de termos preparado as coplas de Entroido queda preparar os disfraces.


Recordade que tendes que traer polo negro e camiseta negra para preparar os disfraces os que escollestes ir de soldados.


xoves, 14 de febreiro de 2019

O carteiro no San Valentín

Hoxe contamos cun protagonista moi especial: o carteiro que sempre vén ao cole repartir o correo reparteunos tamén as cartas do San Valentín. Non quedou ninguén sen a súa misiva, e algún que outro tivo máis de unha carta. Noraboa a todos por implicarvos, participar e crear cartas e sobres tan bonitos (mesmo cos selos!)




martes, 12 de febreiro de 2019

Cetrería

O patio do centro foi hoxe escenario privilexiado dunha exhibición de aves de cetrería de gran beleza (unha delas, o recibiu fai pouco o galardón á máis bonita da península ibérica), envergadura (nada menos que cun aguia real) e velecidade ( o falcón peregrino. Pero ademais tivemos a posibilidade de ver de preto e mesmo tocar a un lobo criado e domesticado dende pequeniño por Evaristo e Moncha, os responsables do coidado e cría destas preciosas criaturas. Eles ensináronnos as súas características, as súas necesidades e as condicións que require o seu coidado minucioso. Faláronnos tamén da súa importancia para manter o equilibrio da cadea trófica ou para eliminar a pragas dañinas para o ser humano. Grazas Evaristo, grazas, Moncha.